Patrimonio Mineiro
Qué Facer > Turismo de Natureza

A 1º aplicación práctica do wolframio foi en 1868 en forma de raíles de Terre Noire ( Francia). Na Exposición Universal de 1900 a compañía BETHLEHEM presentou ferramentas feitas a base de aceiro e wolframio. En 1914 o uso do Wolframio aínda non se estendera.

O Wolframio na Guerra Civil Española (1936-1939).

A sublevación do exercito, ao mando do Xeneral Franco, contra a II Republica remataría coa vitoria de Franco, quen recibira axuda da Alemania Nazi para lograr a súa vitoria , quedando en débeda con este país. A débeda foi cifrada en 212 millóns de dólares ( de 1943 ) e sería saldada coa entrega de materias primas españolas, entre elas o Wolframio .

O wolframio é escaso na cortiza terrestre e na Península Ibérica atópase en grandes cantidades no chamado "Arco do Estaño-Wolframio" (Galicia -Zamora-Salamanca-Cáceres-Badajoz ) . Franco outorgou o control do Wolframio Galego e Ibérico aos alemáns, practicamente, en réxime de Monopolio, converténdose no principal subministrador de Wolframio a Alemania .

Constituíronse empresas mixtas, con capital xermano-español ( HISMA, ROWAR, SOFINDUS ) dirixidas por alemáns ( BERNHARDT - GOERING ) . Entre elas estaba "Montes de Galicia S.A" que controlaba por adquisición ou arriendo as Minas de Vilanova-Casaio-Vilardecervos e Ribadavia, baixo a dirección do propio Bernhardt , sendo esta empresa especialmente rendible pola man de obra procedente do sistema de redención de penas polo traballo dos presos Republicanos Españois na Mina de Casaio .

O WOLFRAMIO NAS MONTAÑAS DE VILANOVA

A explotación das Minas de Vilanova ocupa a ladeira que verte ao río Xares desde a pista de acceso (pista das minas alemás), onde se sitúa a Casa de Dirección, a cota 1.400m, ata o Alto dá Serra dá Chaira, a cota 1.593m.

Hai dous grupos de labores que, a modo de referencia, poden agruparse como Sector Este (UTM X: 676.108, E:4.681.227) e Sector Oeste (UTM X: 675.731, E: 4.681.343). Obsérvanse, en ambos os sectores, numerosas trincheiras que seguen os diferentes filóns e que corresponden aos labores de explotación e recoñecemento das primeiras épocas de explotación das minas ou, noutros casos, a afundimentos de galerías. Obsérvanse tamén pequenos vertedoiros que indican a entrada de galerías, ben sobre o propio filón ou ben transversais ao mesmo.

Nos últimos traballos executados para a seguridade das zonas mineiras abandonadas tapáronse as bocaminas máis significativas, ocultando algúns dos elementos máis interesantes desde o punto de vista do patrimonio mineiro desta explotación, especialmente no caso das galerías denominadas "Pepito" e "Jose Antonio", que eran as máis importantes da explotación.

Ao pé da pista das minas, e por baixo da explotación, sitúanse a Casa de Dirección e a Casa de Empregados, situadas ambas sobre unha chaira á beira sur do viario. A Casa de Dirección (UTM X. 676.188, E: 4.680.896) ten unhas dimensións de 11x9m e dispoñía de tres plantas, con acceso desde a pista principal. Tiña muros de pedra e cuberta de lousa e madeira. Na planta primeira situábanse 5 habitacións, baño e salón. Na planta baixa estaban as habitacións do servizo. Contaba con instalación de auga corrente e electricidade. A Casa de Empregados sitúase a uns escasos 20m da anterior (UTM X: 676.157, E: 4.680.874) e ten unhas dimensións de 13,50x9,50m. Tamén dispoñía de tres plantas, dúas delas con 7 dormitorios, comedor, baño e despacho en cada unha, e con forno e despensa na planta baixa.

A uns 200m ao norte sitúanse as instalacións de tratamento e labores, na zona onde se localizan dous filóns e as galerías máis importantes. Estes edificios situábanse nunha zona de certo desnivel para facilitar os traballos de explotación, e aloxaban as dependencias de Economato e Comedor, Almacéns e os Talleres de Beneficio, onde se aloxaba a maquinaria de trituración e lavado, ademais do grupo electrógeno. Nun anexo situábase o "locomóvil" que producía a enerxía necesaria para o funcionamento da maquinaria.

Entre os elementos cos que contaba a mina incluíanse:

  • Un locomóvil "Houston" de 40 Hp.
  • Unha quebrantadora de mandíbulas "Mardsen".
  • Un muíño de rodetes.
  • Un grupo de caldeira vertical e máquina de vapor de 12 Hp.
  • Un alternador "Oerlicon" trifásico de 18kW e 230V
  • Nove cribas de balancín para o lavado do mineral
  • Dúas mesas cónicas fixas para o lavado do mineral.
  • Transportadoras, cribas, vagonetas, material mecánico e eléctrico, etc..