Esta casa é un lugar de recepción de visitantes que agarima trazos das múltiples paisaxes das Montañas de Trevinca. No baixo atoparás información xeral sobre o macizo, a Zona de Especial Conservación (ZEC) e as pegadas que deixaron os intensos procesos glaciares e as prácticas gandeiras milenarias. Arriba agóchanse curiosidades sobre a altitude dalgúns cumes do mundo, a historia do montañismo nestas terras, as posibilidades de observación dos ceos trevincos e algúns lugares de interese accesíbeis desde as rutas de sendeirismo habilitadas no Concello.
Neste centro de visitantes mostrámosche camiños e claves interpretativas para explorares e conmprenderes as serras que te rodean. Entra e mergúllate nas Montañas de Trevinca!
Este edificio acolleu durante décadas a Casa-Escola de Ponte, un lugar de encontro e aprendizaxe das crianzas desta aldea. A aula localizábase no andar terreiro e arriba, no primeiro andar, estaba a casa onde vivía a/o mestra/e. Foi construída a comezos da década de 1930 e estivo aberta até que, en 1976, entrou en funcionamento a agrupación escolar CEIP Eduardo Ávila Bustillo, situada na aldea da Veiga. Este novo centro implicou o peche das antigas escolas rurais unitarias.