A Igrexa de San Miguel de Candeda ten planta rectangular, pedra de grao e cuberta de lousa. Con presbiterio elevado, espadaña do campanario centrada e sinxela con arco de medio punto e pináculo de remate. Destaca un Cristo románico, de cobre dourado do taller de esmaltes de Limoges.
Había unha campá de prata procedente do antigo convento de monxas de Candeda, que as monxas tiñan para chamar a oración.
Este convento quedou abandonado cando a raíña Dona Violante, Infanta de Aragón e Raíña Consorte de Castela, dona do Rei Alfonso X, o Sabio, quen fora educado nas propiedades dos seus coidadores en Ourense, onde aprendería o Galego-Portugués, idioma no que compuxo as famosas Cantigas, fundou o convento de Santa Clara de Allariz, concentrando neste novo convento as monxas que estaban dispersas en pequenos conventos da Provincia, entre eles, o convento de Candeda.
A raíña Dona Violante viviu no Convento de Santa Clara de Allariz despois das loitas pola sucesión á coroa de Castela do seu fillo Sancho IV e os infantes “de la Cerda”, onde é posible que fose soterrada.