Pequeño templo da época do barroco de planta rectangular e espadaña con arcos xemelgos; chama a atención polo seu retablo maior belamente restaurado no ano 1.998, cando estaba ameazado de destrución por causa dos xilófagos.
A función do retablo era ensinar ao pobo as verdades da fe e os principios da moral católica, era enorme a eficacia que tiñan as imaxes para o adoutrinamento e propaganda da mensaxe católica. Remachaban o discurso oral co moito máis vívido discurso visual.
O retablo da igrexa de Casdenodres dedícase a San Salvador, talla que aparece no centro. Sobresae o retablo polos tres sagrarios, con figuras en relevo de: San Pedro, Cristo (no centro) e San Pablo. Figuras con boas policromías.
O seu patrón é San Salvador, ten especial interese pola súa calidade. A imaxe de madeira estárodeada de raios dourados, que aluden á escena evanxélica da Transfiguración do Señor. A os lados San Blas e San Antonio de Padua (festas que tamén celebran dende o antigo), de boa talla. No ático hai un relevo co Pai Eterno.
Resalta o frontal do altar despois da restauración. É barroco, con exuberante decoración de roleos rodeando un relevo da transfiguración, no clípeo central.